Regras de composición

Hoxe preséntovos un artigo sobre a denominada composición fotográfica. A situación dos obxectos nunha fotografía conforman a composición. Trátase de acadar a mellor vista dunha escena e conseguir a harmonía entre os seus elementos e no que se basea, así como saber que engadir ou que deixar que nos sirva para contextualizar unha fotografía. As regras de composición deben utilizarse como guías, pero deben romperse sempre que penses que mellorarás (isto é o máis importante do artigo). Deseguido vou intentar explicarvos as normas de composición a partir de fotografías que eu mesmo realicei.

Identifica o centro de interese: cada foto ten o seu e non ten que estar no medio desta nin moito menos; trátase de que calquera que mire a fotografía detecte o tema. Cito esta regra de primeira porque é unha das máis importantes e da que parten moitas outras. Unha vez identificado o centro de interese, enfoca e dispara. Nesta instantánea vese perfectamente que o centro de interese é a parella bailando un tango na praza das Praterías en Santiago. Se tivese o angular totalmente aberto, veríanse moitos turistas e podería non mostrar o que quería.

DSC_0265

Enche o encadramento: se queremos contar algo coa foto, enchámola con ese algo, asegurándonos de que se converta no centro de interese. É un erro moi común querer retratar demasiadas cousas e,  ao final, o que conseguimos é que non quede moi claro o que queremos ensinar. Ante a dúbida de se algo debe saír ou non, rexéitao. Nesta imaxe o máis importante era a cara da miña sobriña mentres xogaba a agocharse da cámara, así que me aproximei co zoom e centreime no seu rostro.

MAZ_0211

Utiliza as liñas: as liñas son un elemento moi importante nas artes visuais, pois nos achegan infinidade de formas e contornos. Con elas diriximos a mirada do espectador dun lado ao outro da foto. Poden ser verticais, horizontais, diagonais, converxentes e diverxentes. As converxentes son moi utilizadas, que nun principio son horizontais pero co efecto da distancia parece que converxen nun punto, como as vías do tren.

_BYT1198

Nesta foto do interior dunha das Torres Hejduk da Cidade da Cultura as liñas verticais e o movemento en espiral das plantas diríxennos a mirada cara a arriba. Na da marquesiña de Xoán XXIII en Santiago de Compostela tanto as columnas dos laterais (liñas verticais) como os traveseiros do teito (liñas horizontais) lévannos a mirada cara ao fondo da rúa.

DSC_0240 (2)

Xoga coa dirección: crea ilusión de movemento; se hai algo na fotografía que pareza en movemento, ese algo terá unha dirección. O que temos que facer é deixar máis espazo, deixar máis aire, como adoitamos dicir os fotógrafos, na dirección cara a que se está a mover.

DSC_4553 bis

Esta foto está sacada durante un campionato do mundo de descenso que se celebrou no monte Fragoselo en Vigo. Aínda que pola velocidade da bicicleta é difícil logralo, neste caso conseguín o meu propósito de deixar máis espazo do lado cara a onde se dirixía o ciclista.

Os elementos repetidos: poden darlle un sentido de relación ás distintas partes da fotografía, así como suxerir factores psicolóxicos como de unión ou compañeirismo, coma neste campo de xirasoles de Gradamil.

SCA_0145

As cores sempre din algo: existen dous tipos de cores, as cálidas e as frías. O gris ou o azul son fríos mentres que o vermello ou laranxa son cálidos pero, ademais, as cores tamén levan asociada unha compoñente psicolóxica; o azul é máis tranquilo e o vermello máis temperamental.  En xeral, a cromatismo ten moita importancia na composición dunha foto, así como o contraste, é dicir, a diferenza de luminosidade que hai entre as partes máis claras e máis escuras dunha fotografía, coma este solpor de verán en Lugo.

Ocaso 002

O interese dos grupos de tres: un único elemento pode transmitir soidade, con dous a imaxe queda demasiado equilibrada e máis de tres poden ser demasiados. Por algún motivo o número 3 funciona na fotografía. Esta imaxe, feita por unha amiga na que sae a noiva con dous amigos, foi das mellores desta voda; o grupo de tres funcionou.

CYA_0077

A regra dos terzos: esta é unha das máis coñecidas, xa que non é orixinaria da fotografía senón da pintura. Se nos fixamos en cadros famosos, observaremos que cumpren esta regra. Consiste en dividir o cadro ou encadramento en tres partes, tanto vertical coma horizontalmente; nos sitios onde se couten as liñas imaxinarias verticais e horizontais serán os puntos de interese.

MUJER EN LA VENTANA 2

Neste cadro vemos como a irmá de Dalí esta encadrada nun terzo, o horizonte noutro e a prenda branca de vestir da esquerda noutro.

LUGARES.

Nesta foto do río Eo (ao seu paso por Abres) pódese ver que as casas están nas interseccións dos terzos de arriba e a chalana mais o reflexo da casa, nos de abaixo.

Taballar as tres dimensións: ás veces é tan importante na fotografía non só o que imos retratar senón tamén o que temos diante e detrás do obxecto a fotografar. A importancia radica en que nin a fronte nin o fondo distraian a nosa atención do centro de interese. Para conseguir isto utilizaremos a profundidade de campo, grazas á apertura de diafragma que usemos (número f), conseguiremos maior ou menor nitidez nas nosas frontes ou fondos. Nesta foto o que importa son os cogomelos; o resto desenfoqueino para que non lle restase protagonismo ao primeiro plano.

Mino 46

O enmarcado natural: existen elementos que nos poden axudar a poñer un marco ao noso centro de interese e así dotar de forza e profundidade a nosa fotografía. Algúns son moi claros, como as portas ou ventás e tapan claramente parte da foto, e outros oriéntannos a vista, coma as pólas das árbores. Calquera elemento que peche o centro de interese poderá servirnos como marco natural dirixindo a nosa mirada cara ao lugar desexado. Na foto que vos deixo a vexetación enmarca o paseo de madeira neste fantástico paseo fluvial ao pé do Miño en Lugo.

Mino 39

As curvas en S: son un elemento moi recorrido na fotografía; poden transmitir sensualidade, movemento ao tempo que dirixen a mirada do espectador. Na vida cotiá podemos atopar varios momentos nos que aplicar esta regra. O torso humano, as estradas, o curso dun río… danlles moita forza ás fotografías. Esta foto da curva da volta da Viña dálle movemento e dirixe a nosa mirada cara á ponte e o río Miño en Lugo.

CYA_0549

Algúns elementos de composición son moi fáciles de levar a cabo (centro de interese, as tres dimensións…) pero outros dependen de condicións especiais (as curvas, xogar coa dirección…). O importante é coñecelos e aplicalos cando nos conveña pero, sobre todo, ter ben presente que serven como orientación e en ningún momento poden chegar a ser un dogma. Tamén podemos conseguir boas fotos sen poñelas en práctica, iso depende sempre da nosa procura persoal.

Agardo que vos valese de algo este post. Anímovos a aplicar estas normas nas vosas fotos; ao cabo duns días aplicándoas, facede unha revisión do material e xa veredes como vos gusta.

Deixar un comentario

search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close