Publicado por: caixadeluz75 | 23 Febreiro 2015

Cando vas pola Ribeira…

Despois de moito tempo apagado, neste novo post quero achegarvos unhas fotos dunha das miñas cidades preferidas, Porto. A súa situación, na desembocadura do Douro, as súas xentes e ese ambiente de cidade vella fan dela un lugar con imán para min…

A miña compañeira e mais eu viaxamos pouco, debe de ser por iso que cando o facemos somos moi felices… e o tempo estivo do noso lado, quizais en exceso, porque esa fin de semana de comezos de xullo, Porto ardía. A xente preparábase para ver un partido do Mundial de fútbol na intransitable Praça Ribeira cando nós chegabamos ao hotel, unha rúa máis arriba… Serían as catro da tarde.

Tan só tiñamos 24 horas e tiñamos que aproveitalas ben. Dende Tui fixemos parada en Matosinhos; tiñamos curiosidade por coñecer a famosa piscina das Marés, obra de Álvaro Siza, e a verdade é que sentimos un pouco de vergonza despois de pagar a entrada e darnos un baño naquela auga tan cristalina, co océano Atlántico e a praia ao noso redor, porque estabamos a facer algo do que sempre renegamos… En fin, feito estaba.

Piscina das Marés

Piscina das Marés

Puxémonos cómodos ao chegar ao hotel e só paramos para cear e para durmir unhas horas. O resto foi camiñar, camiñar e camiñar. Aquí queda a lembranza desa fin de semana, que esperamos repetir. Porto atrapounos a cada paso que demos.

Rúa dos Clérigos

Rúa dos Clérigos

O primeiro destino foi a torre dos Clérigos. A subida ata o alto é durísima, pero pagou a pena polas espectaculares vistas que ofrece da cidade.

Vistas de Porto e Gaia desde a torre dos Clérigos

Vistas de Porto e Gaia desde a torre dos Clérigos

 

Tellados de Porto

Tellados de Porto

Despois de repoñer forzas cunha imprescindible merenda nunha das numerosas pastelarías-cafetarías portuenses, seguimos a nosa ruta cara á libraría Lello&Irmão, un establecemento emblemático, convertido nun dos destinos turísticos máis visitados da cidade, que desfrutamos pouco, pola calor e porque eramos demasiados turistas aquela tarde.

Continuamos a nosa andaina cara á Estação de São Bento, unha das máis importantes obras artísticas de comezos do século XX, autoría do arquitecto Marqués da Silva. No seu adro pódense contemplar vinte mil azulexos con debuxos históricos do autor Jorge Colaço.

Estação de São Bento

Estação de São Bento

Ao saírmos da estación, xa ía caendo o solpor e dirixímonos a dar un paseo pola Ribeira. Despois de deixar a zona máis turística, chea de restaurantes e tendas, chegamos ao parque da Alfándega, un lugar de xuntanza dos portuenses dende onde se pode gozar da pesca, das amizades, do cánnabis… e eu do solpor para disparar fotos.

Solpor no Douro

Solpor no Douro

Cando se ocultou o sol, decidimos que era hora do jantar. Despois de facer varias pesquisas na Rede, eliximos o restaurante Postigo do Carvão, onde nos trataron moi ben e comemos aínda mellor.

Postigo do Carvão

Postigo do Carvão

Tras a cea, cumpría camiñar para facermos a dixestión e o fixemos pola Ribeira ateigada de vida. Entre os postos dos souvenirs estaba este pintor plasmando a noite portuense.

Posto na Ribeira

Posto na Ribeira

Pintor na Ribeira

Pintor na Ribeira

Ao día seguinte saímos pronto a percorrer a cidade. O primeiro foi baixar de novo á Ribeira e cruzar a ponte Luís I cara a Gaia. Levaba moitas ganas de fotografar a ponte e a cidade de Porto dende a outra beira do río.

Ponte Luís I

Ponte Luís I

Ribeira desde a ponte Luís I

Ribeira desde a ponte Luís I

Casas da Ribeira

Casas da Ribeira

Primeiro plano dunha casa da Ribeira

Primeiro plano dunha casa da Ribeira

Internámonos logo nas rúas da Lada e do Barredo. Trátase dunha zona situada entre o barrio da Ribeira e o da Sé, con rúas estreitas e en costa con moitas escaleiras… a roupa colgando das ventás, o cheiro das cociñas dos restaurantes da Ribeira ao bacallau… todo lle confire un ambiente moi especial. Só nos faltou que aparecesen algúns dos piratas que difundiron o viño de Porto polas Antillas.

Xandra no barrio do Barredo

Xandra no barrio do Barredo

Casas do barrio do Barredo

Casas do barrio do Barredo

Gato durmindo no Barredo

Gato durmindo no Barredo

Seguimos subindo cara á cidade pola rúa das Flores, un lugar mítico con moitas casas brasonadas, onde me chamou a atención este valo de obra graffiteado. Creo que este tipo de iniciativas deberían invadir máis as cidades.

Rúa das Flores

Rúa das Flores

Casa na rúa das Flores

Casa na rúa das Flores

Continuamos a camiñada ata o parque da Cordoaría, un bo sitio para poñerse á sombra e dar un paseo ou descansar un anaco e descubrir esta fascinante escultura.

Trece a rir uns dos outros

Trece a rir uns dos outros

Marchamos de alí discutindo sobre o que podía representar esta obra. Eu dicía que eran chineses e Xandra cría que eran pacientes dun manicomio… Nin o un nin o outro. Simplemente eran Trece a rir uns dos outros, o título da única escultura pública de Juan Muñoz.

De volta do parque, quedounos o tempo xusto para desandar o camiño ata a Ribeira de novo. Como final da viaxe, non se me ocorre nada mellor que despedirme cunha foto dun tranvía portugués.

Tranvia chamado Coca Cola

 

 


Responses

  1. Ola Miguel! Sin duda, a beleza decadente de Porto non deixa indiferente a ninguén.
    Fermosísimas fotos! Un saúdo.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

Blog del Fotógrafo

Trucos y consejos sobre fotografía, para principiantes, aficionados y profesionales

Un país en lata

Culture, politics, media, icons & other Galician facts and topics

%d bloggers like this: