Publicado por: caixadeluz75 | 2 Marzo 2016

Madagasikara III.- Nosy Mitsio

 

Nosy Mitsio é un lugar dos que quedan poucos no mundo, deses dos que nada conta a Wikipedia máis alá de datos xeográficos. Vivir na illa durante seis días foi para min toda unha experiencia vital.

Amencía en Nosy Be moi cedo; coa mesa posta para o almorzo, comezaba a vida diaria.

Nosy Mitsio_001

Nosy Mitsio_002

Marchamos para Mitsio e, cando chegamos, a nosa lancha de pesca xa estaba preparada para partir.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Todos deberamos ter un lugar como Mitsio, ao que poder fuxir cando o precisásemos.

Pola mañá mentres almorzaba, observaba como sacaban o gando á praia…

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Amencía moi cedo e pronto embarcabamos para pescar, pero antes de saír as mulleres xa estaban na praia pescando coas súas redes.

Nosy Mitsio_005

Dúas mulleres levan unha rede e o resto vai facendo ruído na auga, fan un círculo e vano cerrando en torno as que levan o aparello para atraer o peixe cara á rede.

Nosy Mitsio_006

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Mentres, os nenos na praia xogan e van facendo furados na area nos que gardan os peixes para que non os quieme o sol.

Nosy Mitsio_008

 

Nosy Mitsio_009

Nosy Mitsio_010

Como despedida déixovos esta foto do animal que máis me chamou a atención. É unha raposa voadora xigante, unha espectacular especie de morcego de impresionante voo. Xunto ao resto dos seus colegas (uns centos), cando ía caendo a noite deleitábanos co seu festín de froita coas súas pelexas.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Os días aquí pasan voando sen facer nada… ou todo!

Nosy Mitsio_014

Aínda que non sexades afeccionados á pesca, é totalmente recomendable. Este lugar non sae nas guías: Mitsio Tropical Lodge, un lugar onde a maior comodidade é a mental.

 

Fotos de: Hür Mol, Jose Martínez y Miguel Blanco

 

 

Publicado por: caixadeluz75 | 11 Agosto 2015

Madagasikara II.- Nosy Be

Ola de novo!

Nosy Be que en malgache significa “illa grande”, é a máis grande dun conxunto de illas situadas ao noroeste de Madagascar e tamén o destino turístico máis importante do país.

Amencemos no hotel Royal Beach, nun lugar chamado Madirokely. A primeira imaxe que tivemos dende o restaurante non nos traía boas expectativas de saír a pescar…

Vistas da praia desde o hotel Royal Beach

Non houbo pesca, así que mudamos o plan e decidimos gravar a parte de visitas á illa dos pescadores. De camiño á árbore sagrada, atopamos este camaleón ao pé da estrada, o noso primeiro protagonista audiovisual.

A partir deste momento, quedoume pouco tempo para a cámara de fotos. As imaxes que vos presento foron realizadas polos fishermen my friends Hür Mol e Jose Martínez.

Foto de Hür Mol

Foto de Jose Martínez

… O camaleón!!! Foi unha pasada velo ao pé da estrada. Despois, co paso dos días, descubrimos que ver camaleóns en Nosy Be é igual que ver lagartas en Galicia.

Seguimos camiño cara á árbore sagrada e, ao chegarmos, recibiunos unha especie de sacerdotisa coa cara pintada, a encargada de mostrarlles a árbore aos turistas.

Sacerdotisa da árbore sagrada de Nosy Be. Foto de Hür Mol

Ler máis

Publicado por: caixadeluz75 | 31 Xullo 2015

Madagasikara I.- Come fly with me!

Ola a tod@s!

Despois de tanto tempo, volvo para compartir con vós unhas imaxes que, aínda que se perdan pola Rede, sempre quedarán gravadas na miña memoria.

Todo comezou cando Yago Mazoy me telefonou para propoñerme quince días de traballo en xaneiro. Tratábase de ir gravar unha reportaxe de pesca deportiva a Madagascar, en concreto á Illa de Nosy Be (“Illa Grande”), situada fronte á costa noroeste deste país africano. Despois do meu alucinado “Como dis?”, deille a miña confirmación e unha grande emoción atravesou o meu corpo.

Tras varias semanas de estrés con todos os preparativos, a aventura comezaba. Tivemos que coller cinco avións para chegar ata ese lugar do mundo… Entre todos eles impresionoume especialmente o Charles de Gaulle de París: grupos de xentes separados por razas en función das chegadas dos avións que viñan de distintas partes do mundo e o mellor de todo, as azafatas de Fly Emirates, que chegaban todas xuntas e ocupaban o corredor da terminal coma nun desfile, mesmo mirando cara á mesma dirección. Parecía unha escena de Mad Men.

Azafatas de Fly Emirates no Charles de Gaulle

A noite que chegamos a ese aeroporto, un dos compañeiros comentou: “A min dixéronme que este aeroporto era pequeno, que o grande é o outro. Este debe ser coma o de Alvedro”. Ningún de nós fora nunca ao Charles de Gaulle e, como a terminal á cal chegamos era moi pequena, todos o cremos. Ao día seguinte descubrimos que mesmo había metro para desprazarse dunha terminal a outra: “Mira, un metro para moverte dunha terminal a outra, igualiño que en Alvedro…” e escachamos a rir!

Aeroporto Charles de Gaulle

 

Parte da expedición no aeroporto Charles de Gaulle

Despois de 13 horas de voo chegamos a Tana (Antananarivo), a capital de Madagascar. Nada máis chegar ao control aduaneiro atendeunos un policía que se dirixía a nós murmurando. Nun principio pensei que estaba anoxado con algo do traballo, pero estaba a pedirnos cartos. Xa nos advertiran de que nese aeroporto a xente pedía e ofrecía todo tipo de servizos. Quizais pecamos de inxenuos pero si que nós impactou que fosen os propios funcionarios os primeiros en facelo.

Aeroporto de Ivato, Antananarivo. Foto de: Jose Martínez

Superado este episodio, marchamos para a cafetería, na que nos quedaban aínda longas horas de espera para subir ao último avión que nos levaría ao noso destino. Tivemos tempo de comer, durmir, falar, contar chistes malos… e desesperarnos.

Cafetería do aeropuerto de Ivato en Tana. Foto de: Jose Martínez

Por fin, atopamos a saída cara a Nosy Be.

Aeroporto de Ivato

Dende o aire e pola fiestra do avión puidemos desfrutar do agasallo que nos prepararon as nubes e o solpor antes de aterrar xa de noite na marabillosa “Illa Grande”.

Voo de Tana a Nosy Be

O reconto en horas: saída de Lugo, o xoves 15 de xaneiro ás cinco da madrugada; chegada a Nosy Be, o sábado ás oito da tarde. Un longo percorrido, pero valeu a pena.

Nos seguintes posts, máis sobre Nosy Be e Nosy Mitsio

 

 

 

Publicado por: caixadeluz75 | 23 Febreiro 2015

Cando vas pola Ribeira…

Despois de moito tempo apagado, neste novo post quero achegarvos unhas fotos dunha das miñas cidades preferidas, Porto. A súa situación, na desembocadura do Douro, as súas xentes e ese ambiente de cidade vella fan dela un lugar con imán para min…

A miña compañeira e mais eu viaxamos pouco, debe de ser por iso que cando o facemos somos moi felices… e o tempo estivo do noso lado, quizais en exceso, porque esa fin de semana de comezos de xullo, Porto ardía. A xente preparábase para ver un partido do Mundial de fútbol na intransitable Praça Ribeira cando nós chegabamos ao hotel, unha rúa máis arriba… Serían as catro da tarde.

Tan só tiñamos 24 horas e tiñamos que aproveitalas ben. Dende Tui fixemos parada en Matosinhos; tiñamos curiosidade por coñecer a famosa piscina das Marés, obra de Álvaro Siza, e a verdade é que sentimos un pouco de vergonza despois de pagar a entrada e darnos un baño naquela auga tan cristalina, co océano Atlántico e a praia ao noso redor, porque estabamos a facer algo do que sempre renegamos… En fin, feito estaba.

Piscina das Marés

Piscina das Marés

Puxémonos cómodos ao chegar ao hotel e só paramos para cear e para durmir unhas horas. O resto foi camiñar, camiñar e camiñar. Aquí queda a lembranza desa fin de semana, que esperamos repetir. Porto atrapounos a cada paso que demos.

Rúa dos Clérigos

Rúa dos Clérigos

O primeiro destino foi a torre dos Clérigos. A subida ata o alto é durísima, pero pagou a pena polas espectaculares vistas que ofrece da cidade.

Vistas de Porto e Gaia desde a torre dos Clérigos

Vistas de Porto e Gaia desde a torre dos Clérigos

 

Tellados de Porto

Tellados de Porto

Ler máis

Publicado por: caixadeluz75 | 29 Maio 2014

You know Carcosa?

“Creo que a conciencia do ser humano foi un tráxico paso en falso da evolución. Volvémonos demasiado conscientes de nós mesmos, a natureza creou un aspecto separado dela, somos criaturas que non deberiamos existir de acordo coa lei natural. Somos cousas que funcionan baixo a ilusión de ter un ser propio, unha acumulación de experiencias sensoriais e sentimentos, programada para asegurármonos que somos alguén, cando en realidade ninguén e ninguén. Quizais o máis honorable que poderiamos facer como especie é negar esa programación, deixar de reproducirnos, camiñar da man cara á nosa propia extinción, unha derradeira noite, irmáns e irmás, excluíndonos voluntariamente dun contrato inxusto.”
Rust Cohle sobre a conciencia humana, True Detective

You know Carcosa ? A pregunta clave que a muller negra lle formula ao detective Rust Cohle ecoou na nosa cabeza cando descubrimos este lugar. Carcosa é o lugar temido de True Detective, a serie que rematamos de ver hai unhas semanas, e esta é a lagoa de San Martiño, a carón da praia de Marouzos en Ortigueira (A Coruña). A semellanza entre os pantanos de Lousiana, onde se desenvolve a trama desta marabillosa serie, e a lagoa coruñesa é abraiante.

Este sinuoso paseo de madeira está construído enriba da lagoa e, seguindo as súas curvas,  lévate ata o seu corazón.

Carcosa 001

Aquí vos deixo esta montaxe de 12 fotografías para que vexades con amplitude este fermoso lugar.

Carcosa 002

Este é o mesmo sitio nunha unha soa instantánea. A min case me gusta máis esta…

Carcosa 003 Ler máis

Older Posts »

Categorías

Blog del Fotógrafo

Trucos y consejos sobre fotografía, para principiantes, aficionados y profesionales

Un país en lata

Culture, politics, media, icons & other Galician facts and topics

%d bloggers like this: