Ola de novo!
Nosy Be que en malgache significa “illa grande”, é a máis grande dun conxunto de illas situadas ao noroeste de Madagascar e tamén o destino turístico máis importante do país.
Amencemos no hotel Royal Beach, nun lugar chamado Madirokely. A primeira imaxe que tivemos dende o restaurante non nos traía boas expectativas de saír a pescar…

Non houbo pesca, así que mudamos o plan e decidimos gravar a parte de visitas á illa dos pescadores. De camiño á árbore sagrada, atopamos este camaleón ao pé da estrada, o noso primeiro protagonista audiovisual.
A partir deste momento, quedoume pouco tempo para a cámara de fotos. As imaxes que vos presento foron realizadas polos fishermen my friends Hür Mol e Jose Martínez.


… O camaleón!!! Foi unha pasada velo ao pé da estrada. Despois, co paso dos días, descubrimos que ver camaleóns en Nosy Be é igual que ver lagartas en Galicia.
Seguimos camiño cara á árbore sagrada e, ao chegarmos, recibiunos unha especie de sacerdotisa coa cara pintada, a encargada de mostrarlles a árbore aos turistas.

A árbore foi plantada hai 200 anos e a extensión das súas raíces pode ocupar unha superficie de 50 metros cadrados. As xentes do lugar veñen a renderlle culto e a pedirlle polas súas inquedanzas.


A Yago Mazoy caeulle un camaleón femia na cabeza. Logo Tomás explicounos que, ademais de mudar de cor para se camuflar, tamén cambian a súa intensidade segundo o seu estado anímico. Se están estresado adoptan unha cor máis intensa que se están tranquilos. Pódese ver neste exemplar femia fotografado na cabeza de Yago; despois, tranquilo na súa árbore.


De camiño a Hellville vimos un taxi moi peculiar, era un Renault 4 tuneado, o coche oficial da illa. Aínda que había moitos modelos coma este, non había tantos así. Cargaba con sete almas o “Mon Ami”, o primeiro monovolume da historia!

Case sempre que nos moviamos dun sitio a outro da illa, pasabamos por Hellville, a súa capital. A trasfega de xente era constante, ao dobrarmos calquera esquina sempre viamos xente. Nunha volta destas, Tomás parou a furgo e sinalounos un grupo de xente que arrodeaba un pequeno campo: era unha pelexa de galos. Uns douscentos homes de entre 18 e 50 anos poxaban polo seu galo. As liortas duraban pouco e non eran a morte. No que de verdade pasaban o tempo era en decidir que galos pelexaban, os desafíos amigables entre o publico, intercambio de poxas…


Movíanse máis ari-aris aquí que en todo o día na illa.

Ao día seguinte fomos a Lokobe, unha reserva natural. Despois dun paseo en barca chovendo, pero a 29 graos, recibiunos esta flor na praia.

Lokobe é un lugar moi impresionante, cando iamos na barca contemplando a vexetación, daba a impresión de que podía estar a saír King Kong en calquera momento. Alí vimos bichería de todo tipo: lemures, serpes, camaleóns, gecos… Coma este que se camufla coa árbore. Védelo? non é fácil.




Despois da mañá na xungla de Lokobe, fomos ao zoo de Lemurandia pero antes fixemos unha parada nun bar para tomar algo. No local soaba a música ben alta de Bob Marley; na porta, unha muller e o seu fillo facían esta postal.

“Maki!”, “Maki!” “Maki!”… Así é como chamaba en Lemurandia o guía do zoo polos lemures. Dende entón tomamos prestado ese grito para chamarnos entre nós. Os que saen nas primeiras dúas fotos son os propios desta zona do país (lemur negro) e viven en liberdade. Ao resto dos animais téñenos en gaiolas para que non fuxan e intercedan coa fauna da zona, xa que son moi territoriais.






O último día saímos coas cámaras a gravar o ambiente de Madirokely, ao lado do hotel. A xente en Nosy Be é moi agradable e sempre está cun sorriso na cara. Pero o que máis me impresionou foi que fósemos por onde fósemos sempre había xente. O malgache vive na rúa, as casas autóctonas só teñen os cuartos para durmir e os baños dentro; o resto da casa está ao aire libre: comen e descansan á vista os uns dos outros.
Cando iamos pola estrada dun sitio a outro tampouco parabamos de ver xente andando, en bici, en coche, en motocarro…

Os camiños estababan asolagados e esnaquizados polas fortes chuvias caídas, xa que entre finais de 2014 e principios de 2015 Madagascar sufriu moito coas tormentas tropicais.


Este é Thierry. Todo un personaxe, é un dos socios da empresa que nos levaría na seguinte viaxe a Nosy Mitsio pois é o encargado de levar a xestión do lodge nesoutra illa. Francés de orixe, ficou en Nosy Be en contra da súa familia. Velaí o vedes, sempre sorrindo.

Volvín namorado de Nosy Be. Con este amencer desde a praia de Madirokely despídome de vós ata o seguinte post, no que vos falarei da illa de Nosy Mitsio.
muy guapo, el sitio, la narracion, las fotos, a ver si te sale otro viaje pronto…ofrecete al national geographic o viajar….