Madagasikara I.- Come fly with me!

Ola a tod@s!

Despois de tanto tempo, volvo para compartir con vós unhas imaxes que, aínda que se perdan pola Rede, sempre quedarán gravadas na miña memoria.

Todo comezou cando Yago Mazoy me telefonou para propoñerme quince días de traballo en xaneiro. Tratábase de ir gravar unha reportaxe de pesca deportiva a Madagascar, en concreto á Illa de Nosy Be (“Illa Grande”), situada fronte á costa noroeste deste país africano. Despois do meu alucinado “Como dis?”, deille a miña confirmación e unha grande emoción atravesou o meu corpo.

Tras varias semanas de estrés con todos os preparativos, a aventura comezaba. Tivemos que coller cinco avións para chegar ata ese lugar do mundo… Entre todos eles impresionoume especialmente o Charles de Gaulle de París: grupos de xentes separados por razas en función das chegadas dos avións que viñan de distintas partes do mundo e o mellor de todo, as azafatas de Fly Emirates, que chegaban todas xuntas e ocupaban o corredor da terminal coma nun desfile, mesmo mirando cara á mesma dirección. Parecía unha escena de Mad Men.

Azafatas de Fly Emirates no Charles de Gaulle

A noite que chegamos a ese aeroporto, un dos compañeiros comentou: “A min dixéronme que este aeroporto era pequeno, que o grande é o outro. Este debe ser coma o de Alvedro”. Ningún de nós fora nunca ao Charles de Gaulle e, como a terminal á cal chegamos era moi pequena, todos o cremos. Ao día seguinte descubrimos que mesmo había metro para desprazarse dunha terminal a outra: “Mira, un metro para moverte dunha terminal a outra, igualiño que en Alvedro…” e escachamos a rir!

Aeroporto Charles de Gaulle

 

Parte da expedición no aeroporto Charles de Gaulle

Despois de 13 horas de voo chegamos a Tana (Antananarivo), a capital de Madagascar. Nada máis chegar ao control aduaneiro atendeunos un policía que se dirixía a nós murmurando. Nun principio pensei que estaba anoxado con algo do traballo, pero estaba a pedirnos cartos. Xa nos advertiran de que nese aeroporto a xente pedía e ofrecía todo tipo de servizos. Quizais pecamos de inxenuos pero si que nós impactou que fosen os propios funcionarios os primeiros en facelo.

Aeroporto de Ivato, Antananarivo. Foto de: Jose Martínez

Superado este episodio, marchamos para a cafetería, na que nos quedaban aínda longas horas de espera para subir ao último avión que nos levaría ao noso destino. Tivemos tempo de comer, durmir, falar, contar chistes malos… e desesperarnos.

Cafetería do aeropuerto de Ivato en Tana. Foto de: Jose Martínez

Por fin, atopamos a saída cara a Nosy Be.

Aeroporto de Ivato

Dende o aire e pola fiestra do avión puidemos desfrutar do agasallo que nos prepararon as nubes e o solpor antes de aterrar xa de noite na marabillosa “Illa Grande”.

Voo de Tana a Nosy Be

O reconto en horas: saída de Lugo, o xoves 15 de xaneiro ás cinco da madrugada; chegada a Nosy Be, o sábado ás oito da tarde. Un longo percorrido, pero valeu a pena.

Nos seguintes posts, máis sobre Nosy Be e Nosy Mitsio

 

 

 

Deixar un comentario

search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close