Publicado por: caixadeluz75 | 14 Maio 2014

Castro de Vilar

Atrás queda a escura invernía e volvo xa con gañas de presentarvos novas reportaxes. Rescato desta volta as fotos que tomei nunha das poucas escapadas que puiden facer entre temporais e cicloxéneses… Mais a tan malquerida choiva é a causante de paisaxes coma o que vos presento. Trátase dun lugar único, moi preto de Lugo e pouco coñecido, no que se alza, polos séculos dos séculos, o Castro de Vilar, na parroquia de Vilamor (Folgoso do Courel). Comeza a ruta…

Logo dun xantar tranquilo e económico no concello de Quiroga, subimos pola estrada que vai ata Folgoso e, ao pouco de rematar a subida, un desvío cara á esquerda lévanos ata Vilar. Nada máis baixar do coche, sorprendeume este ancián castiñeiro furado, “reconvertido” nunha especie de garita militar, daquelas que nos contaban os nosos pais, con cadeira para sentar e todo.

Vilar 001

Velaquí outro dos furados, nesta ocasión serviume como marco para estoutra foto.

Vilar 002

Xa na aldea, detiven a miña mirada na casa do único habitante do lugar, a casa do ferreiro, autoproclamado “O Xerife”. Con el estivemos charlando un bo anaco e púxonos ao día das súas preocupacións: da empresa que xestionaba agora as castañas do souto, do tipo de excursionistas que viñan de Vilamor camiño de Froxán, de que lle roubaban os produtos que el ten á venda expostos riba dos seus carros (mel, caxatos…). “As cousas xa non lle son o que eran”.

 

Vilar 003

Para cruzar a aldea hai que atravesar os seus dominios, unha casa de influencia ourensá cun túnel e unha rúa empedrada que pasa por baixo. Logo, o sendeiro vai entre os muros de dúas casas ata chegar ao campo da festa.

Guiados polos fermosos sinais de madeira feitos de xeito artesanal polo Xerife, puxémonos de novo en marcha cara ao Castro.

Vilar 004

O camiño vai despois por unha corredoira que atravesa o souto. Os troncos dos castiñeiros debuxan estrañas formas: algúns lembráronme os Ents d’O Señor dos aneis, outros estendían “os brazos” para espreguizarse, outros observaban con ollos vixiantes…

Vilar 005

Vilar 006

Ao rematar o souto, seguimos pola corredoira e, despois de deixar a humilde ermida de San Roque, xa se albisca o castro. Malia non estar en bo estado de conservación, é impresionante o enclave onde está situado. Case totalmente rodeado polo río Lor, eríxese no alto dun meandro ao redor do que transcorre o río, facendo unha espectacular curva de case 360 graos.

Vilar 010

Unha vez visitado o castro, haise que quedar un intre máis para contemplar as vistas e decatarnos do inexpugnable que foi esta fortificación. Pechar os ollos, respirar e non pensar…

Vilar 013

Ou abrilos para admirar a cantidade de cores, de verdes a amarelas, que desprenden as especies autóctonas do inverno do Courel.

Vilar 011

Xa de volta para Lugo, atopamos a esta señora calcetando nunha curva da estrada, mentres pastoreaba un burriño. Segundo nos contou, o animal estaba xa xubilado das tarefas do campo, mais quedaran con el por puro cariño.

Con ela estivemos vendo caer a tarde e, ademais da historia do asno, tivo tempo para narrarnos outros episodios da súa longa vida.

Vilar 014

Xa era case noite e había que ir marchando. Como despedida, o solpor regaloume esta bonita instantánea.

Con ela e coas palabras de Novoneyra poño a fin a esta ruta:

Vilar 015

 

COUREL dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home…

Uxío Novoneyra, Os Eidos (1952)


Responses

  1. Qué preciosidad de fotos!!! Es mejor que verlo in situ
    Muchas gracias por hacer cosas tan bellas y compartirlas

  2. Las fotos hacen honor a tan hermoso paraje. La señoriña entrañable, capaz de encariñarse con un burro, cuando muchas personas no logran hacerlo ni con una persona. Fotos que hablan, me gustaron mucho

  3. Muy bonitas fotos y una buena descripción. No conocía el castro de Vilar pero gracias a tu trabajo podré disfrutar uno de estos días de el.

  4. Subscribo as palabras de Suso… e as de Novoneyra!

  5. Preciosas fotos e paisaxes¡¡¡


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

Blog del Fotógrafo

Trucos y consejos sobre fotografía, para principiantes, aficionados y profesionales

Un país en lata

Culture, politics, media, icons & other Galician facts and topics

%d bloggers like this: