Publicado por: caixadeluz75 | 9 Decembro 2013

Heisenberg

“Soñar que somos libres”

Neste novo post quero compartir en imaxes as vacacións que fixen este verán por terras portuguesas. O peculiar desta viaxe foi o medio de transporte no que nos movemos, unha antiga autocaravana Weinsberg Meteor, que nos alugaron por moi poucos cartos e coa que pasamos unha semana irrepetible. Pola nosa teima durante meses coa serie Breaking Bad, bautizamos o vello automóbil como “Heisenberg”.

Saímos de Tui e cruzamos a ponte Internacional. Aínda que Heisenberg estaba en aceptables condicións, pola súa avanzada idade prefería non viaxar por autovías, polo que fixemos case toda a ruta por estrada. O tempo a partir dese momento tomaba outras dimensións para nós…

Desde Valença fomos pola beira do Miño ata a barra e logo seguimos pola estrada que vai pegada á costa, ata chegar a Viana do Castelo, onde fixemos noite. O traxecto é curto para o gran pracer que nos producía non ter horarios para chegar dun sitio a outro, pois tiñamos a cama, literalmente, enriba das nosas cabezas.

Xa en Viana aparcamos nun parque de estacionamento de autocaravanas, a carón do río Lima e da ponte Eiffel; así comezamos e demos fin ao noso día, en dúas pontes do mesmo estilo.

Solpor no Lima

Ao día seguinte cruzamos o Lima pola ponte e seguimos pola estrada que vai á beira ­da costa, coñecendo vilas como Esposende e Póvoa de Varzim −demasiado turísticas para o noso  gusto− ata chegarmos a Vila do Conde, unha histórica vila portuguesa a carón da desembocadura do río Ave. É un lugar precioso para pasar unha boa tarde percorrendo as súas rúas e rematala parando nunha das súas padarias-pastelarias a tomar un pingo cunhas natas.

Vila do Conde

Chegamos a Vila Nova de Gaia. No parque de estacionamento tiñamos veciños, coma sempre, o cal se agradece moito nestes lugares. Xa era noite e as beiras do Douro entre Gaia e Porto lucían fermosas, coa cidade iluminada e os seus barcos tanoeiros, que o turismo reconverteu en embarcacións de recreo; aínda hoxe seguen a fabricarse dun xeito totalmente artesanal.

Barco tanoeiro e Porto ao fondo

Ao abrente, a néboa foise disipando polas beiras do Douro e agasallounos esta bela estampa.

Amencer no Cais do Cavaco

Aínda que era cedo, o sol xa quentaba na ría e na estrada que discorre a carón dela. O sosego da velocidade, as fiestras abertas, a música… por fin nos sentiamos auténticos autocaravaneiros. Pero o máis espectacular aquel día estaba aínda agardando por nós: São Jacinto, unha vila entre a ría de Aveiro e o océano, algo descoidada, pero da que ficamos namorados. Decidimos ir coñecer as súas dunas e, en apenas dous quilómetros, a néboa convertera este espazo natural nun lugar fantasmagórico…

Praia de São Jacinto

A néboa fixo especial ese día e en São Jacinto atopamos, ademais, a mellor pastelaría da viaxe, ao pé do peirao onde collemos o ferry para seguir camiño de Aveiro, a onde chegamos co tempo xusto para cear e dar un paseo nocturno polas súas rúas, case baleiras.

Canles de Aveiro

Pola mañá continuamos o noso paseo pola cidade. Ao chegar ao barrio de Beiramar, detivémonos nos barcos moliçeiros, hoxe en día reconvertidos en barcos-taxi, que transportan aos turistas polas populares canles que lle dan a Aveiro o nome da “pequena Venecia”.

O que os fai especiais, ademais, son os textos que rezan nas proas e nas popas, de alto contido erótico-machista. Aquí vos deixo algúns exemplos, que non teñen desperdicio:

E o gañador é… “Ábreme o teu livro, amor!”

Ábreme o teu livro, amor!

Antes de deixar a cidade cara ao noso seguinte destino, visitamos o Museu de Arte Nova, de gran beleza arquitectónica, cunha impresionante restauración como espazo de arte, que incluía unha tenda-bar con terraza, muito recomendável!

Museo de Arte Nova

O último destino en Aveiro eran as súas salinas, con carteis explicativos para entender o proceso de elaboración do sal, e moi fotografables, malia a calor abafante daquel mediodía de setembro. Tras a visita, despedímonos e collemos rumbo cara a Costa Nova.

Salinas de Aveiro

Costa Nova é unha das vilas máis populares da zona, recoñecible pola súa emblemática avenida de casiñas de listas de cores. Estas casas eran os antigos pendellos dos pescadores, que hoxe se reformaron como vivendas, moi rechamantes e alegres, que alternan con estupendos restaurantes e cafetarías. Tras esta liña de edificios esténdese a praia de Costa Nova, cuxa fin non alcanzaba a nosa mirada.

Casas de Costa Nova

Non obstante, a min o que me cativou, igual que o fixera São Jacinto, é o feito de que o océano Atlántico e a ría estean separados por unha lingua de terra, de apenas un ou dous quilómetros de ancho. O lugar onde mellor se pode apreciar isto é no cámping de Costa Nova, no que fixemos noite, pois Heisenberg precisaba cambiar as augas. No fondo do cámping existe un acceso á praia salvaxe aberta ao océano, mentres a entrada a este se atopa ao pé da ría.

Solpor na praia de Costa Nova

Gusto moito de facer fotos cando está amencendo, o pobo aínda dorme e o silencio faime compañía mentres vou retratando as paisaxes…

Amencer na ría de Aveiro

A seguinte parada foi Vagueira, unha pequena vila na que as súas xentes practican unha tradicional arte de pesca, a xávega.

Portugal 014

Esta arte pesqueira é un verdadeiro reclamo para os turistas e para as gaivotas, que se amorean a centos a carón dos pescadores cando a rede vai chegando á praia tirada polos tractores. Logo, cadaquén ten o seu labor: uns recollen o peixe e outros o escollen e o separan por especies para o repartir nas caixas.

Escollendo o peixe na xávega

Ao final do día volvemos facer noite en Costa Nova, pero desta volta no parque de estacionamento de autocaravanas, a carón da praia. Cando chegamos, esta foi a imaxe que nos recibiu.

Solpor en Costa Nova

Ficamos marabillados mirando o sol caer nese día no que chegaba o final das nosas vacacións e no que xa se anunciaba a fin do verán.

Mirando o mar

Afrontabamos a volta a casa e o plan foi percorrer o interior visitando sitios como Sever do Vouga, Vale de Cambra, Arouca, Entre os Ríos, Penafiel… ata chegar a Ponte de Lima. A paisaxe e a  ruta son impresionantes pois a estrada transcorre polas marxes dos ríos Vouga, Douro, Támega, Cavado e, finalmente, o Lima, pero coa autocaravana, case 40 ºC e co lume arrasando os montes portugueses, non foi a mellor elección.

Tras a fatigosa volta, detivémonos en Ponte de Lima, pois os meus brazos non aturaban moito máis a recia dirección de Heisenberg e a miña perna dereita estaba esgotada de pisar aquel freo. Ponte de Lima xa é vella coñecida pero nunca nos cansamos de volver.

Como remate, no podía elixir outra foto que non fose a de quen fixo posible esta inesquecible viaxe…

Grazas Heisenberg!

Cociñando en Ponte de Lima

 


Responses

  1. muy guapo, bien narrado y aun mejor ilustrado!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

Blog del Fotógrafo

Trucos y consejos sobre fotografía, para principiantes, aficionados y profesionales

Un país en lata

Culture, politics, media, icons & other Galician facts and topics

%d bloggers like this: