Publicado por: caixadeluz75 | 25 Febreiro 2013

O tempo detido

Hoxe quero renderlles homenaxe a eses comercios que son parte da miña infancia e da vida de moitas xeracións de lucenses, e que foron esmorecendo sen poderlles facer fronte ás grandes superficies comerciais nin, moito menos, a esta maldita crise. De feito, algúns dos retratados xa botaron o peche e outros están en vías de facelo pero uns poucos resisten contra vento e marea.

“Déjenos pensar por usted”. Aínda que comido polo tempo, o slogan da xa desaparecida axencia de publicidade Garalva segue en pé ao fondo da praza Maior, no inicio da rúa Conde Pallares.  

ELE_0213

A seguinte foto retrata unha diminuta zapatería que se atopa ao comezo da rúa Montero Ríos.  Hai tempo que non vexo a señora que a rexenta, pero dentro segue a ter a luz acesa, o xénero no escaparate e un vaso con flores frescas no mostrador.

AYP_0875

Dirixíndome cara ao centro, paso por baixo da porta de San Pedro ou Toledana da muralla de Lugo. Nada máis atravesala, a man esquerda facendo esquina, localízase unha gran casa de pedra que será a nosa seguinte parada nesta serie. Trátase da cordelería de El Maragato, chamada así ao parecer porque o fundador proviña desa rexión. Este é un deses establecementos que non precisa nin cartel, nin publicidade, nin novas tecnoloxías. Leva aberto 136 anos (1877) e pasou de xeración en xeración ata chegar as mans de Mari Carmen, que preferiu o negocio familiar á súa praza como funcionaria nunha oficina de Aduanas. Se precisas calquera tipo de corda, cordel, caxato, botas de viño… aquí atoparás de todo. Ata hai ben pouco tiña os mellores queixos manchegos de Lugo, que ela mesma curaba ao frío dunha estancia desa casona de pedra e os untaba todos os días con aceite, ata que chegou Sanidade…

Xa vedes que na tenda non cabe nada máis, ou si, iso tería que dicilo Mari Carmen. O caso é que tanta cantidade de xénero dálle forza á fotografía.

AYP_0430

Un pouco máis arriba, na mesma rúa San Pedro, localízase a camisería Felma. Malia o seu nome, o abano de posibilidades é abraiante.  No escaparate penduran abrigos, xerseis, paraugas, camisas de cadros de flanela… e moito máis no interior, como reza a lenda da entrada. A roupa máis xuvenil reflíctese na parte dereita da fotografía pero non pertence a esta tenda. O hipnotizador deseño do chan dirixe a nosa mirada ao interior, mais desta volta non entramos.

AYP_0414

O seguinte local, con data de caducidade por xubilación da súa dona, é Almacenes Rodríguez. Esta tenda, cuxa principal actividade é a venda de teas, localízase na rúa do Teatro. Canta xente terá mercado retallos de teas aquí? Para disfraces, para cortinas, para traxes, vestidos… Cantas vivencias! A variedade de tecido e a súa diversidade de cores e texturas debuxan un infinito feixe de liñas coas que xogar na composición da imaxe.

AYP_0895

Desfacendo o camiño chego á praza de Santo Domingo e crúzoa ata o fondo; meténdome pola rúa Armañá en dirección á praza Maior chego á preciosa sombreirería Da Costa, outro mito do tecido comercial lucense con máis de 80 anos de existencia e que tamén foi pasando de pais a fillos. Hoxe segue a manter ese aire de tenda londinense da época de Sherlock Holmes.

AYP_0395

Seguimos cara á praza Maior e, saíndo da muralla pola porta de Bispo Aguirre, no primeiro piso do edificio que fai esquina á dereita, sobrevive Sastre Roibás, con máis de 50 anos de existencia, toda unha vida vestindo de gala os lucenses. Gústame moito observar o local iluminado dende o paseo da muralla. É unha nostálxica estampa que me transporta a outro tempo.

ELE_0243

Esta selección realiceina guiado polas lembranzas do meu pasado nuns casos e noutros polo seu grande atractivo fotográfico. Sei que é difícil que sobrevivan, pertencen ao outro tempo, pero con esta reportaxe quedarán no arquivo da miña memoria.


Responses

  1. enhoraboa, me encanta!

  2. Estupendos comentarios y bonitas fotos. Lástima de otros comercios que se te quedaron en el tintero, con tanta o mas solera de los que expones. De cualquier forma puntuando sobre 10 yo te daría un 9.98.-


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

Blog del Fotógrafo

Trucos y consejos sobre fotografía, para principiantes, aficionados y profesionales

Un país en lata

Culture, politics, media, icons & other Galician facts and topics

%d bloggers like this: