Publicado por: caixadeluz75 | 28 Novembro 2012

O Lugo oculto

Supoño que todas as cidades, mesmo as máis coñecidas, teñen moita capacidade para esta temática, abonda con coller a cámara e camiñar polas súas rúas. En Lugo conséguese sen apenas saír do centro; ademais, pódese atopar natureza en estado selvático, corredoiras con muros de pedra, hortas…

Este artigo é unha escolma do Lugo oculto que agardaba por min cando cheguei a vivir ao barrio do Carme. A miña ruta para ir ao centro desde a casa comeza no Camiño Regueiro das Hortas (ronda do Carme), que é unha corredoira fermosa, pero en pésimas condicións malia ser a saída da cidade do Camiño Primitivo.

Estas dúas fotos son do primeiro treito do camiño, que arranca ao pé do número 10 da Ronda do Carme. Na primeira vese unha parella que baixa coas súas flores pola corredoira o Día de Defuntos, unha imaxe que evoca outros tempos. Na segunda pódense ver os muros de pedra que separan as parcelas, pero atoparse esta estampa a dous minutos da muralla é ben curioso.

Esta corredoira deixa nas súas marxes unha morea de hortas. Na foto de abaixo podemos ver a porta dunha delas coas marcas dos grafiteiros, auténticos coñecedores dos lugares ocultos da cidade. Aínda así quero diferenciar entre os grafiteiros artistas e os que enchen as cidades de pintadas como estas, que, máis que creativos, son pulsadores de sprays.

Esta corredoira remata na rúa do Carme, que, aínda que moi transitada, agocha a súa parte oculta. Onde remata a zona de aparcadoiros, bifúrcase e segue polo ramal da dereita, dende onde tomei a fotografía da casa-cheminea. A maioría das casas desta rúa, pese á súa proximidade coa Porta Miñá, atópanse abandonadas ou en ruínas. Estas fotos son unha mostra.

A particularidade da foto anterior está en que son dúas casas: os portais 8 e o 10; ademais, a ventá do portal 8 excede o tabique de separación das dúas casas, co cal é máis grande o marco que o oco da fiestra.

Unha vez rematada a rúa do Carme, internámonos no centro pola Porta Miñá e metémonos de cheo no fermoso barrio da Tinería. Lembro que na miña infancia era territorio comanche, xa que a venda de heroína e a prostitución facían del un lugar pouco seguro, ou iso contaban. Hoxe en día a venda de droga erradicouse pero, aínda que a prostitución persiste, pódese pasear por el sen ningún problema. Neste barrio levouse a cabo un proxecto de rehabilitación no que se ocuparon as vivendas con alugueiros baratos, procurando así dinamizar a zona. O proxecto, aínda que moi avanzado, non rematou, polo que moitas das casas seguen á espera de que a crise finalice…

De tódolos xeitos para min é unha zona especial, tanto pola morfoloxía das rúas, que neste barrio é moi singular, como polo seu carácter oculto, como a rúa do Moucho que discorre paralela á muralla e morrerá na praza da fachada principal da catedral, cando abran o derradeiro tramo.

A seguinte foto é a dun sinistro túnel que leva a uns edificios na rúa Tinería, no cal viven máis gatos que xente. Ao final deste acceso hai un amplo patio interior no que se intúen boas posibilidades se o desen reformado. Esta calella tráeme bos recordos dos meus xa afastados anos de adolescencia, pois alí estaba o pub Kronen.

Remato cunha fotografía que logrei cun movemento vertical do trípode cando a cámara estaba disparando nunha longa exposición. O resultado foi a fusión do chan coa rúa.

Anímovos a perdervos por este barrio para seguir descubrindo interesantes recunchos e a facer a ruta descrita no artigo, aínda que vos molledes un pouco os pés. Este traxecto, que dura uns 10 minutos, remata na zona dos viños (Rúa Nova, praza do Campo…),  unha boa maneira de rematar o camiño.

Se queredes ver máis fotos deste tema, consultade o meu perfil de Instagram.


Responses

  1. O de andar tan só dous minutos é pasar dunha “paisaxe urbana” a unha “paisaxe rural” é algo que sempre me chamou moito a atención de Lugo… E algo que a fai especial.

  2. Espléndidas imaxes Chicho! e… Parabéns polo blogue! ó final vai ser que o linkedin vaime servir para algo:) Un bico

  3. Moi bo post!

  4. Moi boas!

  5. Flipante!!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

Blog del Fotógrafo

Trucos y consejos sobre fotografía, para principiantes, aficionados y profesionales

Un país en lata

Culture, politics, media, icons & other Galician facts and topics

%d bloggers like this: