Publicado por: caixadeluz75 | 25 Novembro 2012

O deserto das Gándaras

O día 30 de outubro participei na XVIII edición do Maratón Fotográfico que organiza a USC do Campus de Lugo. O concurso consistía en facer fotos sobre tres temas durante un día enteiro e, á mañá seguinte, presentar unha por cada tema. Un deles era a crise, así que, despois de darme un paseo polo centro na busca de locais pechados e tendas de Compro oro, me dirixín cara ao Parque Empresarial das Gándaras, un pequeno deserto artificial no que se soterraron un feixe de cartos. O único que salva este parque é a instalación dunha coñecidísima multinacional francesa dedicada á venda de material deportivo e o seu acceso ao Polígono do Ceao que logra que, polo menos, pasen coches. Non sería mellor que acondicionasen o Ceao, que por tramos está esnaquizado, e non se gastasen neste parque case inédito?

Esta primeira foto é a que presentei a concurso para o tema Crise. Gustoume pola relativa simetría e pola forza do ceo. Está tomada dende a baixada da ponte que conecta o parque co Ceao; era o punto máis alto da zona e no que mellor se vía a súa extensión.

Polígono fantasma

Despois de varias voltas, ao lonxe, apareceu a única persoa que vin durante todo o tempo que estiven no parque, era como un espellismo… Non se apreciaba ben o que estaba a facer, eran movementos raros, como se estivese a traballar a terra, pero a medida que me achegaba non podía crer o que vía: era un home pegando bolas de golf a modo de adestramento. Funme xunto a el e, despois de preguntarlle se me deixaba sacarlle unhas fotos, contoume que ía alí porque el quería adestrar, non xogar, e que iso no club de golf era moi complicado.

Estiven a facerlle varias fotos e elixín esta para a temática libre: O retiro soñado. Nun principio pensei en utilizar a foto na temática de crise, pero parecíame distorsionar por completo a realidade. Pode ser que ao protagonista da foto lle afectase a crise, como a tantos outros, pero non era paradigma dela. Atoparme a este home adestrando ao golf nun terreo tan extenso e desértico facíame ver un ser diminuto atrapado nun enorme búnker dun campo de golf, e de aí o título.

Como se sae deste búnker?

Dirixín os meus pasos cara ao outro lado do parque, onde a posición do sol era a mellor para captar un ceo ben contrastado. O ceo azul que ía degradando a súa cor cara a branco con esas nubes soltas era espectacular e as pegadas circulares que deixou no chan algunha máquina creaban a sensación dun fenómeno UFO, o que me levou a presentar esta foto para o terceiro dos temas: O Lugo oculto. 

Pegadas ET nas Gándaras

As construcións de pedra que se ven no horizonte son as vellas garitas de vixilancia do exército, xa que este lugar era un campo de adestramento e arsenal militar, nalgunha destas pasou momentos da súa xuventude o meu pai.

Garitas de vixilancia do exército

Por último, a foto de abaixo é a gran damnificada do concurso porque estivo nas quinielas para entrar na temática de crise, pero ao final decanteime pola primeira do artigo. A forza do ceo coas nubes coma se fosen algodóns, a estrada que se perde no horizonte e a soidade dun sinal que non pode cumprir a súa función por falta de clientes fan desta foto unha das miñas favoritas, así que por iso lle cedo o privilexio de cerrar este post. Cando a estaba a facer víñaseme a cabeza a portada do disco Yield, de Pearl Jam.

Onde están os peóns?

A miña intención no maratón fotográfico cando comezou era ben distinta á que logo acabou sendo. Eu acudín a este polígono para tentar facer unha foto sobre a crise, pero a sorte de atoparme o golfista, a inspiración que me concedeu o lugar, o día radiante con ese ceo azul, esas nubes en tres dimensións e o consello de varios amigos pola noite antes de entregar as fotos ao día seguinte, fixeron que me decidise por presentar as tres tomadas no mesmo espazo.

O panorama das Gándaras é desolador, pero fotograficamente dá moito de si. Se queredes un lugar no que abstraerse como o golfista e que ninguén vos moleste tamén é rcomendable.


Responses

  1. Yo también participe en el concurso y sobre el tema “Crisis” espero que el jurado no se deje llevar con fotos sobre “indigencia”. Este concurso registrará fotografías del espacio-tiempo en que vivimos y la indigencia es un tema que existe desde siempre… Una fotografía de alguien pidiendo en la calle no es significativa de la crisis que vivimos, eso es pura indigencia.
    Y por eso me parece que la foto del polígono es bastante adecuada para el tema “Crisis”.

    Un saludo

    • Yo pienso lo mismo en ese aspecto, también pensé en hacer una foto en el Banco de Alimentos en el Ceao, pero no quería presentar una fotografía en la que los sentimiento pudieran más que la fotografía. Por algo parecido tampoco utilicé la foto del golfista para la crisis. Se puede decir perfectamente que la preparé, pero no allí estaba el señor.

  2. Foto espectacular, comentarios en la misma linea. Me reservo el comentario referente a tu padre, yo hice la mili con el en garabolos y…

    • Conta conta, bueno mellor non xa mo contarás nun foro máis privado. Moitas gracias

  3. Me gustan mucho esta serie Miguel, felicidades!

    • El sitio es una pasada, tanto con estos cielos como con unos grises empedrados. Por desgracia o por suerte creo que va a estar en estado desértico por bastante tiempo.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

Blog del Fotógrafo

Trucos y consejos sobre fotografía, para principiantes, aficionados y profesionales

Un país en lata

Culture, politics, media, icons & other Galician facts and topics

%d bloggers like this: