Publicado por: caixadeluz75 | 22 Outubro 2012

De ruta polo Baixo Miño

Hoxe quero mostrarvos imaxes do esteiro do Miño tanto na parte galega coma na portuguesa. As fotos son dunha camiñada que fixen cun grupo de amigos a primeira fin de semana de setembro á que nos acompañou como guía Marcelo, da empresa Faia de educación medioambiental.

O traxecto comeza en Salcidos pola pista que vai pegada ao río, onde está o cámping. Antes de saír, Marcelo estívonos ensinando unha zona de marisma con varios observatorios de aves aos que non fomos xa que nos explicou que nesta época do ano non había moito que ver, pois as aves migratorias comezaban a chegar cara á invernada para logo liscar cara á tundra siberiana e aniñar alí.

Seguimos o noso percorrido en dirección ao barco que nos levaría dende A Guarda a Caminha, pero ao noso guía comeza a entrarlle a teima de que coa marea tan baixa non imos poder cruzar o río no barco, pois é bastante grande e con ese nivel de auga só as pequenas embarcacións poden navegar polo río entre as canles.

Despois dun tempo camiñando, chegamos a un gran edificio abandonado. Ao parecer, fora un antigo colexio de xesuitas, durante a guerra utilizouse como prisión e, a partir de 1937, foi un campo de concentración dos arrestados en alta mar ao caer en Asturias a Fronte Norte.

Ao chegarmos o peirao confirmáronse os peores presaxios: o barco non saía por causa da marea baixa e o seguinte tiña poucas trazas de facelo. Decidimos volver por onde viñeramos e cruzar a Portugal en coche pola ponte da Amizade, que cruza dende Goián a Vilanova de Cerveira.

Unha vez en Caminha, fixemos o fermoso paseo que vai pola beira do río en dirección á desembocadura. O sol pegaba duro e outorgáballes ás augas do Miño unha cor ben bonita. Fronte á nós, como dirían en Portugal, a foz do Miño; á nosa dereita o monte de Santa Trega e a praia de Camposancos.

Cando levabamos un pedazo camiñando, Marcelo avistou algunhas especies de aves limícolas e pasamos uns bos intres coas súas explicacións sobre cada unha delas e cos prismáticos que nos facilitou para poder velas máis preto.  Eu acheguei o zoom da miña cámara ao máximo e despois editeina en photoshop para poder amosarvos estas pequenas aves. Os primeiros protagonistas son dous virapedras (Arenaria interpres) que corrían coma raios sobre os areais.

O segundo protagonista foi un pilro (Calidris canutus) que andaba na procura de comida totalmente alleo á nosa presenza.

Andamos catro pasos e atopámonos cunha píllara (Charadrius alexandrinos), que parecía tomar o sol na baixada do malecón do paseo.

Polo camiño vimos as típicas embarcacións da zona coas que pescan lampreas e outras máis pequenas que estaban no dique seco e que se utilizan para achegarse ás outras a remo.

Na foto anterior pódese ver ao lonxe unha extensa zona de árbores á que nos dirixiamos, a mata de Camarido: unha extensa zona de piñeiros que constitúe a maior extensión destas árbores (146 hectáreas) ao norte do Doiro. Ten a categoría de Parque Nacional e LIC e sitúase en Caminha, cubrindo coma se dun manto verde se tratase a desembocadura do Miño na súa vertente lusa.

Segundo iamos camiñando polo medio da mata e mentres eu andaba a sacar fotos, o noso guía narraba a historia do lugar: foi mandada plantar polo rei Dinis hai seis séculos e na actualidade conta con exemplares de máis de 130 anos, xa que nunca sufriu un incendio. En canto acabou a historia propúxonos ir na procura dunha planta chamada camariña (Corema album); trátase dunha especie endémica da costa atlántica, catalogada en perigo crítico de extinción, que medra nas dunas coma as da mata e que en Portugal ten un froito branco que nace entre os meses de xullo e setembro. Despois de andarmos por un camiño angosto como bos aventureiros, puidemos atopala e mesmo tivemos a sorte de ver o seu froito, pois era setembro.

Encamiñámonos cara á praia da Foz do Miño e tras pasar unha duna, apareceu ante nós a insua de san Isidro e a súa fortaleza, das que vos deixo unha pequena mostra das impresionantes vistas.

Xa tocaba comer, así que fomos cara a un dos chiringos da praia e logo a darnos un baño na zona da desembocadura, pois as augas eran máis seguras e cálidas. Miña nai! Menos mal que eran máis cálidas. Custoume moito meterme pero había que facelo. Xa ben fresco, comezamos o camiño de volta cara a Caminha. Neste traxecto fixen varias fotos do paseo que vai da mata ata a vila, entre eles chamaron a miña atención dous ciclistas aos que lles fixen unha foto sobreexposta, e a curva que fai o propio paseo.

Tamén me gustou o nome dunha embarcación que estaba en terra e que parecía o dunha nave interespacial. A seguinte é  unha “foto bandeira” (como eu a chamo pola diagonal marcada dunha esquina a outra do encadramento), que adoito facer e que está a comezar a ser un vicio.

Xa na vila dous gatos convertéronse no foco do meu obxectivo. Non me declaro moi amante destes animais pero recoñezo que son un dos bichos máis elegantes e intelixentes que coñezo. Este primeiro cravoume a mirada como dicindo: “Eh! Que son negro e traio mala sorte, así que moito coidado co que fas!” Ao segundo acompañábano un home e unha meniña que tampouco me quitaban o ollo de enriba…

De camiño ao coche detívenme no escaparate duna tenda de artesanía e artigos de agasallo e chamáronme a atención unhas curiosas figuras de barro. O caso é que non sei de onde vén a tradición portuguesa de facer figuras de homes cos seus xenitais  ao aire, pero resulta que alá onde fun e neste tipo de tendas acostumo atopar este tipo de figuras. Os que están sentados no banco levan as camisolas do Benfica, do Porto e do Sporting de Lisboa, os tres clubs históricos de Portugal.

Logo dun longo día regresamos cara á casa que alugamos en Tomiño para a fin de semana e comezamos a preparar a cea.

Ao anoitecer puidemos gozar do fenómeno da “lúa azul”, que non significa que o satélite se volva de cor azul senón que se lle di así cando hai dúas lúas cheas nun só mes, feito que se dá cada tres anos.


Responses

  1. Fotos moi bonitas para lembrar unha fin de semana especial. Parabéns, Miguel!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

Blog del Fotógrafo

Trucos y consejos sobre fotografía, para principiantes, aficionados y profesionales

Un país en lata

Culture, politics, media, icons & other Galician facts and topics

%d bloggers like this: