Publicado por: caixadeluz75 | 18 Xullo 2012

O val do Silencio

Quero compartir con vós o que foi para min un espectacular descubrimento, o val do Silencio, un espazo natural, próximo a Ponferrada, suxestivo xa dende o topónimo. Bañado polo río Oza, pertence á rexión denominada Tebaida berciana e está formado polos montes Aquilanos, na súa parte norte.

Faláronme del uns amigos cos que xa estivera a piques de ir na miña anterior visita a Ponferrada, mais a chuvia impedíunolo, así que se trataba dunha materia pendente. A viaxe xa é impresionante: ao pouco de saír de Ponferrada, a estrada comeza a virar mentres atravesamos o val de Valdueza; ao chegar a Montes de Valdueza, xiramos á esquerda e comeza unha estrada moito máis estreita, a paisaxe muda repentinamente e cambiamos prados sementados e colinas por árbores autóctonas a través dunha estrada serpeante e angosta a carón do río Oza.

En canto a pendente comeza a subir, deixamos a paisaxe de bosque autóctono e enxergamos xa os montes Aquilanos e o val. Chegamos ata un sinal de punto panorámico  e  quedamos abraiados ante esta maxestosa paisaxe.



Despois de poucos quilómetros, moitas curvas e bastante tempo chegamos a Peñalba de Santiago, que, segundo contan, debe o seu nome a que está erguido sobre unha gran pena. É unha fermosa aldea de montaña con rúas estreitas e fortes pendentes. As casas están case todas restauradas e son de pedra con balcóns de madeira e teitadas con lousa. Por todo isto foi nomeada ben de interese cultural (BIC) con categoría de Conxunto Etnolóxico no ano 2008.
Encantados co lugar e aliviados de que parase de chover, paramos a reservar mesa nun agradable restaurante e estivemos curioseando, impresionados coa súa beleza e co seu coidado.

Peñalba tamén conta cunha igrexa, situada no medio da aldea. É o que queda dun antigo mosteiro do século X. Ten influencias mozárabes que poden verse nunha das entradas á igrexa que simula a dun mihrab dunha mezquita.

Dende aquí é de onde partiu a nosa ruta que intentamos, con pouco éxito, facer en silencio.

Trátase dun percorrido circular que baixa ao fondo do val, sobe á cova de San Genadio e volve de novo a Peñalba. A dificultade é media-baixa e dura pouco máis dunha hora (ida e volta), se un non para de máis a facer fotos, cousa moi difícil. O camiño comeza cunha forte baixada cara ao fondo do val ata que chegamos a unhas pontes de madeira que cruzan o río Oza.

Dende o río subimos cara á misteriosa cova de San Genadio. O lugar debe o nome a un antigo bispo de Astorga, encargado da construción do monasterio do que hoxe só queda a igrexa da que xa vos falei. Conta a historia que este santo se retirou a esta cova e nela viviu durante dezaseis anos antes de morrer.

Aquí nace tamén o nome do val. Segundo conta a lenda, estaba un día o santo meditando e o son producido polo río e polos animais non o deixaba concentrarse, polo que bateu co caxato no chan e pregou que calasen para poder pensar en paz. O río agochouse nas profundidades do val e os animais calaron. Hoxe dise que as gotas de auga caen en silencio dentro da cova, mais non puidemos constatalo.

Despois de visitar a cova e tras un breve descanso, emprendemos o regreso cara a Peñalba. A primeira parte da volta é desandar o camiño baixando ata a ponte que cruza o río. Pouco despois, collemos un sendeiro á man dereita que nos leva de volta a Peñalba por un camiño ben diferente ao de ida. Esta ruta non baixa ata o fondo do val e déixanos desfrutar dunhas fermosas vistas deste.

Sorprendéronnos tamén varios carballos con fendas por causa dos raios, que parecera que fosen cobrar vida, e outros secos, de aspecto tétrico, que me serviron para pasar un bo anaco facendo fotos. Aquí vos deixo dúas de tantas.

De tanto que me parei facendo fotos, nunha curva cara á esquerda o meu ollo fotográfico levoume por un camiño equivocado, que pronto comezou a estreitarse.  De repente, avistei un animal bastante grande ao que só lle vin a parte de atrás, pero creo que era un corzo. Fose o que fose, saíu coma alma que leva o diaño, non fose que no lugar de dispararlle unha foto, lle disparase unha bala. Liscou tan veloz que nin a levantar a cámara tiven tempo. Foi entón cando comecei a pensar que ía mal e, desandando o camiño, vin no chan as aspas negras e amarelas pintadas sobre unha pedra, ao tempo que oía as voces dos meus compañeiros chamando por min. Apurei o paso pois era tempo de xantar.

Chegamos a Peñalba pola súa parte alta e nesta rúa, que tamén é a de chegada, está situada a pensión restaurante Aromas del Oza, un lugar rexentado por unha parella moi agradable e no que se come moi ben. Ademais, dispón dunhas fermosas habitacións cunhas vistas da aldea e mais do val inigualables.

Unha das cousas que nos gustaron é que o cociñeiro era el e a camareira ela, isto non tería que ser novidade, pero así son as cousas. Logo dunha comida copiosa e riquísima e duns chupitos caseiros de herbas, tostada, chocolate (este o máis exitoso), saímos dar outro paseo pola aldea a desfrutar das súas fermosas casas e das súas rúas en costa.

Durante o paseo detiven a miña mirada, un pouco indiscreta, nunha das casas que estaban rematando de restaurar pois chamoume a atención a “romántica” pechadura. Ao achegarme algo máis, mirei pola ventá e puiden ver parte da cociña, que me pareceu moi alegre e creativa. Aí vos deixo esta imaxe. Quedei prendado desta casa. Parabéns aos seus donos!

É unha viaxe moi recomendable para os que vos guste o sendeirismo e a paisaxe de montaña. Podedes planificar para un día, como fixemos nós, ou quedarvos a pasar alí unhas cantas noites. Existe outra ruta circular que sae de Montes de Valdueza, proxectada para seis horas sen paradas, aínda que hai moita xente que a fai no día parando a comer en Peñalba. Como despedida, déixovos cos aromas do Oza.


Responses

  1. es un lugar maravilloso, qué ganitas de volver!

  2. Encantada d compartir ese día e concordo moito coas túas impresions

  3. Vaya sitio. No nos llevasteis!!!

  4. qué preciosidade!! gracias por descubirnos estos parajes!

    • Quien te vería a ti de hermitaña como San Genadio!!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

Blog del Fotógrafo

Trucos y consejos sobre fotografía, para principiantes, aficionados y profesionales

Un país en lata

Culture, politics, media, icons & other Galician facts and topics

%d bloggers like this: